Convocatoria de matrícula en estudos de posgrao para o curso 2022/2023
Inicio
Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos
A comprensión e mellora dos procesos de aprendizaxe do estudantado é unha das temáticas centrais ás que se dedicou a investigación psicoeducativa nas últimas décadas. Foron moitos os autores que tentaron achegar claves para mellorar a aprendizaxe e intervir sobre unha ampla gama de dificultades que adoitan presentar os estudantes á hora de aprender.
Con este Máster trátase de adquirir unha formación avanzada, especializada e multidisciplinar, orientada a coñecer o estado actual da investigación no ámbito das dificultades de aprendizaxe e os procesos cognitivos. Iso require comprender o funcionamento dos procesos cognitivos e as súas implicacións nas dificultades de aprendizaxe; coñecer e aplicar métodos e técnicas de investigación no campo das dificultades de aprendizaxe e os procesos cognitivos; deseñar, planificar e implementar investigacións para contribuír cientificamente ao avance do coñecemento.
O Máster ten unha duración dun curso académico, con 60 créditos ECTS, e abarca teórica e metodolóxicamente os procesos cognitivos, as dificultades de aprendizaxe en contextos escolares; e os métodos e técnicas de investigación en psicoloxía da educación, a través dos módulos e materias correspondentes, garantindo a adquisición das competencias que configuran o perfil do título.