Inicio

Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos

Máster Universitario en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos

A comprensión e mellora dos procesos de aprendizaxe do estudantado é unha das temáticas centrais ás que se dedicou a investigación psicoeducativa nas últimas décadas. Foron moitos os autores que tentaron achegar claves para mellorar a aprendizaxe e intervir sobre unha ampla gama de dificultades que adoitan presentar os estudantes á hora de aprender.

Con este Máster trátase de adquirir unha formación avanzada, especializada e multidisciplinar, orientada a coñecer o estado actual da investigación no ámbito das dificultades de aprendizaxe e os procesos cognitivos. Iso require comprender o funcionamento dos procesos cognitivos e as súas implicacións nas dificultades de aprendizaxe; coñecer e aplicar métodos e técnicas de investigación no campo das dificultades de aprendizaxe e os procesos cognitivos; deseñar, planificar e implementar investigacións para contribuír cientificamente ao avance do coñecemento.

O Máster ten unha duración dun curso académico, con 60 créditos ECTS, e abarca teórica e metodolóxicamente os procesos cognitivos, as dificultades de aprendizaxe en contextos escolares; e os métodos e técnicas de investigación en psicoloxía da educación, a través dos módulos e materias correspondentes, garantindo a adquisición das competencias que configuran o perfil do título.

Segundo os criterios fixados pola Comisión autonómica de habilitacións de Galicia, o título oficial de Máster en dificultades de aprendizaxe e procesos cognitivos habilita para impartir docencia na especialidade de Pedagoxía Terapéutica nos centros privados aos posuidores/as dos títulos de Grao en Educación Primaria, Mestre/a, Diplomado/a en EXB ou Mestre/a de primeiro ensino sen mención ou especialidade.