As accións informativas dirixidas ao estudantado de novo ingreso sobre a contorna universitaria, os servizos que ofrecen a universidade e a facultade, así como sobre as características propias da titulación, desenvólvense no marco da xornada de acollida. Neste encontro ofrécese tamén información sobre a estrutura organizativa do título, a distribución dos créditos, o profesorado das distintas materias, os horarios de clase e de titoría.
Do mesmo xeito, incídese especialmente no uso da páxina web do mestrado e do Campus Virtual como ferramentas de apoio, orientación e comunicación entre o alumnado e o profesorado. O sistema de teledocencia Moovi constitúe, ademais, un recurso fundamental de apoio á aprendizaxe, ao facilitar o acceso a materiais e recursos en liña.
Así mesmo, infórmase sobre o funcionamento dos servizos e das infraestruturas da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, incluíndo instalacións deportivas e culturais, normativa, bolsas e axudas, entre outros aspectos.
Ademais, o estudantado de novo ingreso conta tamén con dúas sesións formativas na Biblioteca da Universidade de Vigo, no campus de Ourense, na que se presentan os servizos dispoñibles, as bases de datos, a hemeroteca e as distintas modalidades de acceso aos recursos.